Impoñente. A representación megalítica máis grande do Barbanza, con 6,60 metros de lonxitude, unha cámara poligonal que conserva seis antas, unha cuberta lixeiramente desprazada e que podería pesar unhas 7 toneladas, e un corredor triangular de dous tramos. Situada nas inmediacións do curso medio do río Barbanza, mantense en relativo bo estado de conservación. Incluída na Ruta das Mámoas. Boiro completa con esta construción unha das concentracións máis prolíficas de monumentos megalíticos que existen en Galicia.